RESPECTO
E CONVIVENCIA
XAQUÍN
CAMPO FREIRE.-
FONTE
DA CRUZ, NARÓN, 17-05-2012. LETRAS GALEGAS.
Daquela, aínda eu non sabía que era iso dos módulos de respecto.
Foi unha das grandes e gratas sorpresas que atopei nos meus primeiros
contactos de voluntariado no Centro Penitenciario de Teixeiro. O
Módulo 7 estaba aínda nos seus comezos e fun vendo como medraba.
Mellor, eu fun crecendo canda a eles. Porque o máis importante foron
as persoas que me acolleron e axudaron a ir avanzando na vida. Estou
a falar dos reclusos e tamén do persoal responsábel. Doulles as
máis sinceras grazas. De todos eles aprendín moito o que é iso do
respecto. Hoxe quero ofrecer algúns pensamentos do que logo fun
lendo e meditando:
Respecto é a actitude e a acción do ser humano para non danarse a
si mesmo, nin aos seus semellantes, nin ás súas contornas.
Respectar é cando sabes que estás facendo ben e te sentes conforme
contigo mesmo. É aprender a comportarse en cada momento. O respecto
é a base do entendemento entre os seres humanos. É a ilusión que
nos fai sentirnos mellores. Temos que aprender a respectar para que
os demais nos respecten. Respecto é a capacidade de aceptar todo
canto hai de vida en toda a biodiversidade que nos arrodea e a cal
pertencemos.
O respecto é algo importante que xa che ensinan cando es neno. O
respecto é un valor que non se herda, adquírese. O respecto é a
excelencia da humanidade e empeza contigo. Se ti te respectas a ti
mesmo, os demais respectarante. Respéctate a ti mesmo e nunca,
nunca, deixes que che perdan o respecto, porque dificilmente o
recuperarás. A inclinación ao respecto nace con todos e de nós
depende que o practiquemos. Se queres que te respecten hai que
aprender primeiro a respectar. Se todos nos respectásemos os males
do mundo desaparecerían.
Recorda que un amigo, se che quere de verdade, apóiate e axúdache.
Pero, sobre todo, respéctate. Se desexas conservar a un amigo,
tenlle respecto sempre. O respecto é ter consideración coas persoas
maiores, coa muller, cos nenos, cos menos dotados, cos máis débiles,
con todas as persoa. O respecto ha de ser ecolóxico. Respectar o
mundo, o universo. O respecto é a base para que o mundo cambie. O
respecto ao dereito alleo é a paz, xa sexa entre as nacións ou
entre os individuos. Unha persoa que respecta é respectada.
Cando os que mandan o fan sen respectar, os que obedecen comezan ben
axiña a perder o respecto.
Ten respecto e obterás moito a cambio. Respectar é aceptar ao outro
como é, coas súas grandes diferenzas e ata cos seus defectos.
Respecto é a posibilidade de aceptar os teus defectos e as túas
virtudes sen pór en cuestión o que ves nos demais, porque xamais
obterás doutros o que non es capaz de darte a ti mesmo, xa que na
medida que o logres serás capaz de outorgarllo aos demais.
Respectemos as identidades. Na natureza todo é diferente. Unha pinga
de auga non é igual a outra. Unha folla presenta grandes diferenzas
coa outra. Por que nós, os seres humanos, denigramos ao diferente?
Respecta ao teu igual, como desexas que te respecten a ti. O obreiro
ten máis necesidade de respecto que de pan. De pan aliméntase o
corpo, de respecto, a alma. Ao perder o noso lado humano fixemos do
respecto un mito. Empeza por respectar para que te respecten, porque
se hai algo que debe acompañar ao respecto é a reciprocidade. Se te
sentes ben respectado polos demais, debes respectar para que os
demais se sentan ben. Vale máis ter o respecto dos demais que a súa
admiración.
O respecto é o máis importante que todo o mundo necesita para
lograr o que queremos. O respecto é o poema de amor da dignidade
humana. Respectar é saber cando podemos facer aos demais felices e
sobre todo, co respecto, fórmase unha das bases para un verdadeiro
amor. O respecto ábrelle as portas á verdade. O respecto é a
posibilidade que o home ten de ser libre. Respectar é: Deixar ser e
vivir. Respecto é algo que sentes por unha persoa á que ti estimas.
Se non existe o respecto, non pode existir o amor, xa que logo non
vale a pena a vida .
Vaia isto como testemuño de parabéns para cantos se esforzan por
humanizar as difíciles realidades onde calquera ser humano loita por
sobrevivir e recompor a súa existencia en dignidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario