Mi lista de blogs

lunes, 18 de mayo de 2015

CAMIÑAMOS SóS NAS NOSAS SOIDADES?

XAQUÍN CAMPO FREIRE. FONTE DA CRUZ, NARÓN, 14-05-2015.

Hai unha soidade que buscamos e necesitamos para realizármonos na propia persoa en harmonía e con autonomía. Para a reflexión e o estudo. Para facérmonos adultos e crecermos. Ata para atopármonos co transcendente. Pero hoxe non vou referirme a esa.
Hai outra soidade, a do home e muller solitarios, a do neno e do ancián, que van pola vida sen atoparen amizade, nin pan, nin abrigo. A soidade afectiva do que sabe que a súa vida non lle importa a ninguén. Ninguén estaría disposto a arriscar o máis mínimo por media hora de escoita activa e moito menos mostrarlle un mínimo de consideración positiva. A súa persoa está nese terzo da desfeita e do lixo do que falou a señora M. Thatcher. 
Canto antes desaparezan, menos consumo, menos gasto inútil e menos sufrimento para eses desgraciados que viñeron á vida por un fallo do sistema. Non deberían ter vido. Sobran. Son un excedente. Esa é a teoría que reina e impera. Sobran das rúas de Madrid, dixo dona Esperanza Aguirre porque molestan aos turistas. E é verdade. A pobreza molesta aos ollos da cara e do corazón e dan “mala imaxe”.  Que morran! Iso xa é cousa deles. Que non nacesen.
Hai unha gran soidade en quen perde un ser querido, por morte ou desafecto. Cando se che vai un amigo ou amiga, morre moito aló na alma. Hai unha grande perda. E as feridas da alma son profundas a máis non poder e doen. Como doen!
Nunca sufriches a perda dun amigo ou amiga deses cos que perece que ao írense a vida perdeu o sentido por desapareceren da túa esfera afectiva? Despois de térmonos querido tanto! A pobreza de agarimo ou amor que se sente logo arrinca bágoas amargas e as pegadas emocionais son profundas. Andas vagando sen saber cal sexa a utilidade do teu propio futuro. Total, para que vivir?
Resituármonos de novo e con sentido na vida pódenos levar anos se non se fai unha terapia adecuada. Apréndese duramente o que é sufrir. Ata nos pode volver duros, a tal punto de caermos na tentación de alegrármonos de que aos outros lles pase algo parecido. Para que saiban o que é sufrir! Sóache?
As separacións de parella deixan unha frustración inmensa sobre todo na parte, chamémoslle, “inocente”. E nos nenos. Para superar a crise recórrese moitas veces a solucións desesperadas que só agravan a situación, non remedian nada e todo o complican. Emparellar de novo sen estar curado no dá bo aquel.
E está a soidade do adolescente nos seus amores primeiros ou na sensación subxectiva da incomprensión universal cara a el ou ela. Os entendidos din que é a idade do maior sufrimento por soidade, polo convencemento de que todos están contra el ou ela e ademais sen saber por que. Falan dos intentos frecuentes de desapareceren.
A soidade dos sen teito, dos que viven na rúa, dos abusados e desprezados, dos enfermos mentais, dos que chegan do mundo da fame ou de culturas distintas, Etc. A inmensa soidade das mulleres maltratadas!
E está a soidade das persoas presas, secuestradas e a súa contornas familiares. E están o sen fin de situacións de todas as miserias e pobrezas.
Cales son as máis rechamantes no medio no que vives e vivimos? Temos un mapa axeitado e estudado das soidades das nosas contornas e como tratalas?
E ante isto, que temos de facer?
Talvez sería bo empezar por analizarmos en profundidade a propia soidade, ver se temos as feridas curadas e as estamos a tratar adecuadamente para facer de min unha persoa equilibrada e xa que logo sanante e sandadora. A “parábola do sandador ferido”, de H. Nouwen.
Hai unha gran capacidade de saúde e amor dentro de cada un de nós. Voluntarios fronte á soidade e ás soidades para acompañar e sementar sanación.
Para iso non fai falta nin estar apuntados en ningunha organización. Precísase cobrar conciencia da miña propia riqueza de amor e ir repartindo, “con sentidiño”, anacos de amor, comprensión, diálogo e acompañamento.
Advírtoche, amigo, amiga, que logo cando os ves marchar, xa mellorados, sófrese, porque un tamén ten o seu corazonciño. Pensemos nos nenos do Sáhara que veñen á Galiza. Quéreselles e deséxaselles libres. E mesmo se ten medo de que fracasen de novo. As despedidas son saudábeis. Porén son dolorosas. E é un sinal de adultez non retelas nin demoralas. Pero cando se lles quere, logo bótaselles de menos e convén sabelo para sermos normais.
Tamén están as formas xa organizadas e con persoal preparado en habilidades e técnicas de acompañamento e axuda especializadas.
Se te sentes con forza e estás ben disposto a deixarte construír a ti mesmo para a axuda ao outro, non malgastes o caudal de amor que a vida che deu. Vaiamos a unha rexeneración do mundo por un amor coherente, sen enganos. E se xa sufriches desamor e estás curado, a túa experiencia vale un mundo.
Que sorte ter unha fe viva e vibrante. Sempre hai un interlocutor aló no máis íntimo con quen dialogar, que se interesa persoalmente por nós e nos vai axudando a ir saíndo do círculo pechado, do pozo sen luz e sen fondo no que a tristeza e as perdas nos teñen ensumidos. Fáloche por experiencia vital. Coma todos vós, vivín o desamparo e desafecto dos familiares que finaron,  ás veces dramaticamente. Tamén a perda  dos amigos e amigas da alma, deses que eran un outro eu para min, etc. En todos eses casos atopei fortaleza nas palabras do salmo: “Enleábanme redes de morte, atrapáronme os lazos do abismo. Caín en tristeza e anguria e invoquei o nome do Señor: Señor, sálvame a vida!”
“Miña alma non perdas a calma, que o Señor está do teu lado. Miña alma nos perdas a calma que o Señor escoita a túa voz”.

É unha sorte ter unha fe adulta, liberada de infantilismos e chea de confianza, sabendo que quen ten que recorrer o camiño somos nós mesmos, pero El está aí, vén connosco e dóelle a miña vida. A presenza de María, nosa naiciña amorosa, enche de ledicia as nosas vidas. Grazas María.

miércoles, 6 de mayo de 2015


CANDO HAI UN IDEAL NA VIDA LOITASE POR UNHA VIDA CON IDEAIS

XAQUÍN CAMPO FREIRE.
CENTRO PENITENCIARIO DE TEIXEIRO, 04-05-2015.

A preocupación central, case exclusiva, dun recluso céntrase en saír en liberdade. É lóxico. É sinal de vida e de esperanza.
A meirande parte do tempo consómese en darlle voltas ao propio expediente e ver de establecer unha boa defensa. É lóxico. O importante é estar libre canto antes.
Pero iso non impide que se susciten por dentro outras preguntas:  E ao día seguinte, que? Que fago coa miña liberdade? De verdade son libre? De verdade sei ser libre e actuar con liberdade? E a sociedade axúdame e permíteme ser libre? Diría máis: Quérenme libre?
As grandes figuras de encarcerados dos que temos memoria préstanse para unha reflexión a fondo: Mahatma Gandhi, Nelson Mandela, Pablo de Tarso, Pedro o Apóstolo, Xesús de Nazaré, “o preso”, etc.
Máis próximo a nós, territorialmente, temos a Frei Luís de León. Durante cinco anos permanece illado nunha cela da Inquisición sen saber quen o acusa e, durante algún tempo, de que se lle acusa. No entanto, será no cárcere onde escribirá algúns dos seus mellores e máis famosos poemas, como aquel que comeza:






Aquí la envidia y la mentira
me tuvieron encerrado.
Dichoso el humilde estado
del sabio que se retira
de aqueste mundo malvado,

y con pobre mesa y casa
en el campo deleitoso
con sólo Dios se compasa,
y a solas su vida pasa,
ni envidiado ni envidioso




En 1576 sae libre do proceso con máis vigor e enerxía moral do que antes de entrar, aínda que a súa saúde fica moi quebrantada. Fíxose famosa a frase na súa volta á cátedra de Salamanca: «Decíamos ayer...». Con ela quere indicar o seu triunfo interior contra a maldade dos seus inimigos.
Para crecermos como persoas precísase aproveitar moito a prisión e tamén as crises persoais para, desde aí, modelar un auténtico proceso de experiencia de maduración interior. Non é fácil e custa moito. Ninguén nos dixo que os momentos das grandes probas, persoais e familiares, sexan doados.
Para medrarmos como persoas é preciso abrirse a novas e grandes utopías. Que vou facer na miña vida de liberdade que valla a pena? 
É fácil falar de memoria. Da dor e do sufrimento sempre nos falan os que non pasaron por el. E iso, de que nos serve?  Mesmo por iso, miremos de novo a eses modelos que pasaron polas mesmas circunstancias: Ex.: Mandela, 27 anos preso, etc. Vale a pena coñecelos a fondo.
Só cando hai un ideal de vida, se loita por unha vida con ideais. Aí están eses compañeiros africanos que se lanzan con riscos de vida a loitar pola vida. 
Anímaste a descubrir e traballar un modelo de futuro de vida que encha a túa vida e a dos teus? Iso merece liberdade e abrirase paso. Pero para iso hai que traballar arreo, a diario e con teima neses proxectos aos que alude a Constitución art. 25, § 2. 
Os modelos van diante testemuñándonos que as utopías son posíbeis. Pero cómpre sermos moi realistas e con decisións valentes.
Un compañeiro que agora xa está en liberdade tróuxome un día esta frase do latín clásico: “Hoc non pereo habebo fortior me”. Alguén a deixara gravada anteriormente nunha cela do módulo 7. “O que non me mata, faime máis forte”, ou doutro xeito: “Se saio desta proba con ben, sairei máis fortalecido”.  

Anímaste?