XAQUÍN CAMPO FREIRE. 18-04-2016.
No Catecismo
de Astete, xa de nenos, ensinábannos como valores fundamentais na vida as catro
virtudes cardinais: Prudencia, xustiza, fortaleza e temperanza. A Xustiza
transcende ao Dereito. Un Dereito que non asente na Xustiza seguro que non é
xusto.
O tema é
amplo, complexo e altamente especializado. Unha cita :“Otro derecho penal es posible:
la cárcel no es la única solución, ni la mejor”. “Jueces, fiscales, catedráticos de derecho, profesorado, abogados,
psiquiatras, médicos, sociólogos, entidades, organizaciones y ciudadanía de a
pie, engrosan la lista de adhesión a la Plataforma Otro Derecho Penal es
Posible, cuyos objetivos son informar de los problemas y carencias del
funcionamiento del sistema penitenciario español y “HUMANIZARLO”, creando un derecho
penal que genere la mínima violencia personal posible, garantice el respeto a
los derechos fundamentales y proteja los intereses legítimos de reparación
material y emocional a las víctimas”. (www.masvoces.org . Mallorca,23-06-2010).
A Pastoral
Penitenciaria debe ter isto moi presente nas súas liñas mestras de relación,
actuación e presenza nos distintos lugares e ámbitos: Vítimas. Cárceres.
Presos. Familias. Voluntarios. Funcionarios. Xurídicos. Sociedade. Igrexas.
Universidades. Sociedade en xeral. Etc. A Pastoral Penitenciaria ten de ser
xusta e loitar pola xustiza. Por iso cómprenos coñecer os seus obxectivos e
medios de actuación.
Que é iso da Pastoral Penitenciaria? É acción da Igrexa, de
toda a comunidade crente, que pretende: 1) Levar aos homes e mulleres
privados de liberdade a paz e a serenidade de Cristo resucitado. 2) Ofrecer a
quen delinque un camiño de rehabilitación e reinserción positiva na sociedade.
E atender ás vítimas. 3) Facer todo o posíbel para previr a delincuencia.
Non é só un
plan de asistencia relixiosa senón un plan de atención integral á persoa
concreta segundo as súas necesidades e no marco dos Dereitos Humanos. Non está limitada só aos muros carcerarios
e debe actuar en tres áreas: xurídica, social e relixiosa
O cárcere é
“como a desembocadura dun longo río social” con orixe en moitas fontes e con
afluentes de moi diversos percorridos. Neste plan pastoral están os seguintes
ámbitos: 1) A prevención. A loita
multidisciplinar e coordinada para evitar esa desembocadura dolorosa, creando
oportunidades para que cada persoa acade o seu desenvolvemento integral e
integrador. A delincuencia xérase nos sistemas dunha sociedade inxusta,
marxinadora, desigual, escravizante, empobrecedora, etc. E cómpre actuar por un
desenvolvemento humanizado e humanizador nas cidades, nas nosas barriadas e
aldeas, contra a trata e abuso de persoas e contra as estruturas da inxustiza e
criminalidade. 2) O acompañamento,
comprensión, alento e axuda durante o
internamento. Que difícil nos resulta cando alguén nos fixo dano non seguir
respirando pola mesma ferida. Que podreza
no cárcere! Unha ferida sempre aberta e mal curada é mala para todos. Segue
a producir moita dor, inféctase e mesmo contamina. O único que reporta é unha
inmensa soidade para quen a padece e para todos. E mellor sandarse. Axudar a
saír das miserias crea grande gozo na alma. 3) A reinserción, rehabilitación e resocialización. «O cárcere é durísimo». “A sociedade non é consciente do
que supón estar preso; é unha devastación vital”. Unha sociedade mídese tamén
por abrir portas á misericordia e rehabilitar. “Odia o delito e compadece ao
delincuente”, dixo Concepción Arenal.
Atender ás
vítimas. Elas son as grandes esquecidas. Todos somos inxustos con elas. Deixámolas
aí, soas, invisíbeis e invisiblizadas.
”Os días,
con gozos e con penas, deixaron ao pasaren marcas
na alma. Igual que no camiño os nosos pés foron marcando cada unha das pegadas”. As marcas da alma leva anos curalas. Na sociedade axiña
etiquetamos e damos todo por perdido. Cómpre aprendermos a axudar axeitadamente
a curar as feridas. “O cárcere non é nin o único nin o mellor dos sistemas
sociais de resolución de conflitos. Mentres este tema non o xestionemos
favorablemente, outro mundo mellor non será posíbel”. Abrir portas á
misericordia supón saber acoller e ofrecer segundas oportunidades. Unha
sociedade que condena e illa para sempre ao débil ou ao que se equivoca, que
non ofrece saídas dignas a cada ser humano, leva dentro de si mesma un cancro
de morte que tarde ou cedo vaina destruíndo vitalmente. O perdón e a
longanimidade son dons e froitos do Espírito de Deus, señor e dador de vida,
que toda unha comunidade ten de ter no seu ADN.
O ideal é andar
cara a un proceso de Xustiza
Restaurativa: Unha resposta sistemática fronte ao delito. Centrada, máis
que no castigo inmisericorde, na cura e coidados para sandar todas as feridas
causadas en vítimas, delincuentes e comunidades. Outra xustiza é posíbel e xa se está abrindo
camiños.
“Oh Deus,
concédenos serenidade para aceptar as cousas que non podemos cambiar; valor
para cambiar as que poidamos cambiar e sabedoría para coñecermos a diferenza;
vivindo un día cada vez, desfrutando un momento cada vez; e aceptando as
adversidades como un camiño cara a paz”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario